"Dimo e esquecerei,
móstramo e lembrarei,
involúcrame e comprenderei"
(Proverbio chinés)
Encántame o feito de comezar a clase cunha frase ou proverbio. Alomenos comigo funciona; fai que recorde máis o que se quere dicir na clase. As anécdotas fan que moitos alumnos recorden máis facilmente.
Esta vez tratamos o tema do traballo por proxectos, que non traballo por tarefas. Aínda que un traballo por proxectos pode conter tarefas, non ocorre o mesmo á inversa. O traballo por tarefas engloba soamente unha destreza e o traballo por proxectos, engloba máis dunha tarefa.
Trátase dunha estratexia educativa holística, multicomprensiva e fundamentalmente pártese de coñecementos que o alumno xa ten previamente adquiridos. Foméntase a aprendizaxe autónoma e están dirixidos por e para os estudantes.
É moi importante que o estudante estea identificado co tema sobre o que vai realizar o seu traballo por proxectos, xa que de non ser así, o alumno pode perder interese, entre outras cousas, e os resultados poden non ser os esperados. O rol do profesor é o de guía e mentor, pero ten un 'traballo de bodega' como dicía unha profesora do máster, que ten o seu aquel. É unha maneira novidosa e actual de aprendizaxe, que entre os nosos alumnos poida que teña éxito, pero a primeira vez que se amose este tipo de metodoloxía, poida crear reticencia ou estupor, xa que é algo que non se fixo ata agora (falo dende a experiencia que tiven como estudante). Así e todo, observando os resultados nos países nos que se levou a cabo este tipo de aprendizaxe, algo terán de bo, xa que os resultados están á vista.
Na última parte do tema, coma sempre fixéronse as presentacións das compañeiras; nesta ocasión foron Laura Ferro que falou sobre a emisión dun programa de radio en diversas linguas, Nadia que tratou sobre a autoavaliación nun traballo por proxectos e a miña presentación que tratou sobre un curso sobre a creación de páxinas web a través de proxectos.
Queda claro que a mellor maneira de aprender algo é vivenciándoo e experimentando.

No comments:
Post a Comment